Martes, 16 de agosto de 2016
Estamos de festas en Do Artesanato! O próximo 26, 27 e 28 de agosto organízanse as festas patronais na parroquia de San Ourente, no Concello de Outes, onde estamos situados.
A celebración consistirá na típica romaría que hai durante todo o verán por toda Galiza: Pasarrúas, sesión vermú, verbenas con grupos e orquestras pola noite. A diferencia é que o sábado levarán a cabo unha serie de xogos tradicionais galegos como tiratacos, a chave...
Esta festa só é un gran de area das moitas accións levadas a cabo pola Asociación Cultural Xente de San Ourente, creada hai apenas 5 anos pero moi comprometida coa parroquia e as tradicións, tanto locais como galegas. Durante todo o ano levan a cabo todo tipo de festas e actividades típicas: San Xoán, con fogueira, grellada e xogos; San Adrián, com misa na capela do mesmo nome, cantina con petiscos, gaiteiros e polbeiras; Samaín (Halloween) cando organizan carne ou peixe á grella, diferentes talleres, exposición de cogomelos, música e diferentes xogos.
Outras actividades que levan a cabo son clases de baile galego e pandeireta, tanto para nenos como para maiores, ademais dunha saída anual á “Pedra da vella”, no Monte da Pena, ou cantar panxoliñas cos máis pequenos polas portas dos veciños.
Animádevos a vir e a dar apoio a toda a xente que fai posible todo isto, seguro que non vos arrepentiredes.
Na cociña de Casa Perfeuto María preocupámonos pola túa alimentación, traballamos con produtos que coidamos dende a súa orixe